Mudar a escola é mudar o mundo. Propostas educativas curso 2011-2012

Descarga este tríptico e consulta as novas propostas educativas de educación para unha cidadanía global en www.intermonoxfam.org A cidadanía global é unha corrente que propón un modelo social e político respectuoso coa dignidade de todas as persoas, en que cada cidadán e cidadá é consciente da súa pertenza a unha comunidade local e global, e comprométese activamente na construción dun mundo máis xusto e sustentábel. Desde esta perspectiva, a educación para a cidadanía global aposta polo respecto e pola valorización da diversidade, a defensa do medio ambiente, o consumo responsábel e o respecto polos dereitos humanos individuais e sociais. [+]
 
Ábrense as inscricións de Conectando mundos

Conectando mundos é unha proposta educativa que combina a actividade na aula co traballo colaborativo online e na cal participan máis de 16.000 alumnos e alumnas de diferentes países. Na edición deste ano, “Conectando mundos. Sementes para un mundo máis xusto” traballarase a xustiza alimentaria nas escolas a través de propostas educativas adaptadas ás diferentes faixas de idade dos participantes. Infórmate e participa, xa están abertas as inscricións en www.conectandomundos.org [+]
 
CRECE: Cultivar un futuro mellor

Oxfam lanza unha nova campaña mundial en que avoga por un mundo onde todas as persoas teñan suficiente para comer hoxe e sempre. CRECE, a campaña de Oxfam, porá ao descuberto aqueles gobernos cuxas políticas erradas están a sustentar este sistema alimentario roto e tamén porá ao descuberto o poderoso e pequeno grupo, de entre 300 e 500 compañías, que se benefician da situación e fan presión política para manter o status quo. Un sistema alimentario mundial en crise e os efectos da mudanza climática están a deitar por terra décadas de avanzo na loita contra a fame, conforme resulta dun novo relatorio feito público hoxe por Oxfam, Intermón Oxfam en España. A escalada do prezo dos alimentos e as crises alimentarias que se suceden constantemente en diferentes rexións do mundo arrastrarán para a fame millóns de persoas máis nos próximos anos, a non ser que transformemos a maneira como producimos e compartimos os alimentos. O novo relatorio “Cultivar un futuro mellor” identifica os síntomas do sistema alimentario defectuoso: crece a poboación que sofre fame, non aumenta o rendemento das colleitas, hai unha loita pola terra fértil e pola auga, e nos próximos anos os prezos dos alimentos continuarán a subir. O relatorio advirte de que entramos nunha nova era de crise... [+]
 
Reúnense 81 participantes de Conectando mundos de todo o Estado

O encontro estatal de Conectando mundos é o espazo en que alumnos e alumnas representantes dos diferentes encontros territoriais se encontran para traballar en conxunto. Neste ano, 63 estudantes de 15 cidades españolas, acompañados por 18 profesores e profesoras, participaron no encontro estatal de Conectando mundos, realizado en Barcelona de día 16 ao día 18 de maio. O encontro é estruturado en dous momentos: o congreso e o acto público. Durante o congreso, realizado nos días 16 e 17 de maio, compartíronse as conclusións extraídas nos distintos encontros territoriais e foron traballadas en conxunto para elaborar un manifesto común. Por outro lado, entre todas e todos realizamos un traballo para levar a cabo desde os nosos centros unha campaña sobre o papel da cidadanía perante o desafío dun mundo intercultural, que parte das conclusións obtidas a partir do traballo dos máis de 16.000 participantes en Conectando mundos_Un mundo en mudanza, un crebacabezas en construción. No acto final, que tivo lugar no Concello de Barcelona a 18 de maio, os alumnos e alumnas presentaron o manifesto en que expoñen as denuncias, compromisos e demandas, con relación á inmigración, a Carles Campuzano (deputado de Convergència i Unió no Congreso dos Deputados) e a Raül Romeva (eurodeputado no Parlamento Europeo... [+]
 
Robin Hood entrega a súa frecha a Sarkozy

Madrid, 17 de febreiro de 2011: Robin Hood entrega a súa frecha ao embaixador francés, Bruno Delaye, que a recolle en nome de Nicolas Sarkozy. Co acto, convídase ao país veciño, que ostenta a presidencia do G20, a que continúe a apostar por unha taxa ás transaccións financeiras internacionais - coñecida como taxa Robin Hood -que recade fondos contra a pobreza. Simultaneamente, 17 cidades españolas “abren” de forma simbólica embaixadas francesas, onde o lendario personaxe lanza a súa frecha para se unir á iniciativa. Esta acción, organizada pola “Alianza Taxa Robin Hood” (Axuda en Acción, InspirAction, Intermón Oxfam, Plan Internacional, Plataforma Acción pola Saúde Global e Save the Children) e apoiada pola Alianza contra a Pobreza e Intersindical, forma parte do “Día de Acción Global”, que se celebra en máis de 20 países. Máis información en: www.QueNoPaguenLosDeSiempre.org [+]
 
Haití: un ano despois

O día 12 de xaneiro de 2010, un terremoto de 7,3 graos na escala Richter castigaba o Haití. Morreron máis de 200.000 persoas e por volta dun millón perderon os seus fogares. Despois do sismo, púxose en marcha unha vasta e complexa resposta humanitaria. Non obstante, un ano despois o Estado haitiano e a comunidade internacional atinxiron escasos avances na reconstrución do país. Analizámolo en dous relatorios: 'Da emerxencia á reconstrución' e 'Haití no seu labirinto'. Se quixerdes traballalo co voso alumnado, en Kaidara encontraredes a proposta educativa 'Haití: Cando a terra treme', dirixida á Secundaria, para traballar as causas e as consecuencias do terremoto e a súa relación coa pobreza. Ás consecuencias del terremoto hai que sumar tamén a epidemia de cólera que avanza inexorabelmente sobre o Haití. Os datos máis recentes do Ministerio da Sanidade haitiano refiren que son xa máis de 3.300 as persoas falecidas polo virus e máis de 170.000 as afectadas até o momento. Se quixerdes facer unha doazón para que Intermón Oxfam poida continuar co seu traballo na zona, entrade na web de Intermón Oxfam.   [+]
 
Novo Global express: Castelos de area

En 2008 o capitalismo caeu nunha profunda crise económica e financeira, que afecta todo o mundo. Ninguén nega xa a súa magnitude nin as graves consecuencias para as economías e a cidadanía. Desde Intermón Oxfam esiximos que a crise non a paguen as persoas máis pobres e vulnerábeis, e para iso pomos en marcha a campaña Obxectivo “Robin Hood”. Que non paguen os de sempre, na que esiximos que non haxa máis recortes na axuda ao desenvolvemento, que se estableza unha taxa ás transaccións financeiras e que se regulen os paraísos fiscais. Unha das accións desta campaña é reflexionar sobre as causas e consecuencias desta crise con alumnos e alumnas de secundaria, para iso elaboramos unha nova edición de Global express titulada Castelos de Area. Este Global express ofrece elementos para analizar e explicar as causas de raíz das crises, datos para reflexionar sobre as consecuencias desta crise nos países do norte e os países do sur, así como suxestións para nos propor posíbeis alternativas. Ademais, con este Global estreamos novo deseño gráfico. Esperemos que vos guste! http://www.kaidara.org/gl/recurso/223 Para os que non o coñezades, Global express é unha ferramenta para traballar temas e acontecementos de dimensión global con alumnos e alumnas de secundaria.... [+]
 
A Rede de educadores e educadoras para unha cidadanía global estrea web

A Rede de educadores e educadoras para unha cidadanía global é un colectivo diverso de persoas que apostan por unha escola comprometida coa construción dunha cidadanía global, responsábel coa humanidade e o planeta. A rede é un espazo de encontro e traballo cooperativo en que participan educadores e educadoras interesados na construción dunha cidadanía global, consciente da dignidade de todas as persoas, comprometida cun mundo máis xusto no local e no global. Nestes momentos, a rede estreou a web: http://www.ciudadaniaglobal.org, para darse a coñecer e difundir as súas actividades. Animámosvos a visitala e coñecer todo o que está a impulsar este colectivo. [+]
 
70 alumnos e alumnas de Conectando mundos reuníronse en Madrid

Do 10 ao 12 de maio, unha delegación de 70 alumnos e alumnas que  participaron en Conectando mundos, acompañados de 20 profesores e profesoras, reuníronse en Madrid para concluír a actividade en que abordamos o tema das migracións e do desenvolvemento humano. Os 70 estudantes de Secundaria, procedentes de 13 cidades de España, leron o seu manifesto perante Amapola Blasco, Secretaria de Estado da Inmigración e Emigración; Manuel Ángel Aguilar, Adxunto Segundo do Valedor do Pobo español; Carlos Giménez, Director do Programa Migración e Multiculturalidade da Universidade Autónoma de Madrid; e Ariane Arpa, Directora de Intermón Oxfam, quen se comprometeron a estudar as súas propostas e enviar as súas demandas ás distintas comisións políticas. Durante a sesión, os estudantes expuxeron os seus compromisos e propostas de acción sobre as migracións, tanto no terreo das causas estruturais que xeran as migracións, como no terreo das accións individuais e colectivas que podemos levar a cabo para contribuír para a construción dunha sociedade aberta, diversa e solidaria, baseada no respecto recíproco entre persoas de distintas procedencias. [+]
 
Kaidara: novos recursos e interacción

Os recursos e as experiencias dispoñíbeis en Kaidara son o froito de máis de 20 anos de traballo de Intermón Oxfam no campo da educación. Nestes momentos, hai uns 60 recursos dispoñíbeis, que en breve serán 120. Mais Kaidara está concibida para ser unha plataforma viva, que se irá enriquecendo con novos recursos e experiencias educativas, desenvolvidas por membros ou grupos da rede de educadores e educadoras para unha cidadanía global e por Intermón Oxfam. Encontrarédelos destacados na sección “Últimos recursos”, na capa de Kaidara. Recomendámosvos que vaiades entrando na web para coñecer as novidades. Por outro lado, queremos destacar unha das posibilidades de interacción que ofrece a plataforma: comentar os recursos. Despois de terdes utilizado algún dos recursos aquí dispoñíbeis, podedes compartir o que vos pareceu e se tedes recomendacións para outros educadores e educadoras que estean interesados no mesmo. Encontraredes un espazo para comentarios na ficha técnica de cada un dos recursos e experiencias. Animádevos a participar! [+]
 
22 de marzo: Día mundial da auga

O 22 de marzo de cada ano foi declarado, pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, o Día Mundial da Auga. En 2010, dedícase, en concreto, ao tema da calidade da auga, co obxecto de demostrar que na xestión dos recursos hídricos a calidade dese recurso é tan importante como a cantidade. A auga é un recurso natural limitado mais renovábel que necesitamos para vivir. o estado de pobreza de moitas persoas comeza por causa do acceso ou non á auga potábel. Sen auga limpa non podemos ter boa saúde. Ademais, a mudanza climática está a agravar a situación dos recursos hídricos do planeta: máis de 600 millóns de persoas están ameazadas polo risco de inundacións e 1.800 millóns de persoas habitarán en zonas con escaseza de auga por falta de dispoñibilidade no ano 2080. En Kaidara, encontraredes recursos para traballar este tema en infantil, primaria e secundaria, como por exemplo: O noso compromiso coa auga é, Noaga, a auga e nós, Historias de auga envelenada, Onde estás, auga? ou Un turista no Mediterráneo. [+]
 
Haití: cando a terra treme

Máis unha vez, unha catástrofe humana e ambiental ten lugar nun país acostumado a vivir na pobreza permanente. Desta vez tocoulle ao Haití. Os medios de comunicación retransmíteno ao minuto, sentimos que debemos reaccionar e facer algo a se respecto, mais, o que? Na Área de Educación para unha cidadanía global de Intermón Oxfam, elaboramos  unha proposta educativa dirixida a primaria e secundaria para as e os que queirades traballar este tema co voso alumnado. Podedes encontrar esta proposta en Kaidara. Ademais, desde a Área de Acción Humanitaria, estamos a dar asistencia no Haití. Comezamos distribuíndo auga potábel ás persoas afectadas polo terremoto en diferentes barrios de Porto Príncipe a través de 13 puntos. Tamén estamos a enviar material humanitario e continuamos a traballar para avaliar as necesidades máis urxentes. Trátase do primeiro paso. O máis rápido que sexa posíbel comezaremos as tarefas de reconstrución. Encontraredes máis información sobre o noso traballo en: www.intermonoxfam.org [+]
 
Aviso legal | Privacidade | Contacto
Web realizada por Espais, 2009